Sunday, May 31, 2009

SENTIDOS



Mirarte a través do xeo dun ging
que refresca os dedos que queren tocarte,
mentres ti a distancia prudencial,
pides con restos de perfume e sen roupa,
un pouco de coidados e aloumiños.


Friday, May 29, 2009

CALOR

Mestre
Chégame unha foto con maioría de idade do Xaime e o Pep. Xaime e sangue do mestre, irmán putativo e xornalista liberto de corazón grande. Pep é Pep. Chégame esa foto cun comentario do Marci que di “Se eu fose Pablito Torreira e editase un blog con esta foto sacaba unha nota sobre a gloria de Guardiola, sobre a adolescencia de Xaime e sobre o tempo da foto. Deíxote que me estou poñendo romántico”…mais esta tarde fai moita calor e a foto e Marci sácanme da bágoa de suor e o compromiso de non estar á altura.
Hoxe a tendeira da miña discografía fálame dos seus 4 meses que pinta cunha curva na barriga, das súas náuseas e viaxes e de que a música dende fai unhas semanas xa non lle ule igual. Recibo unha chamada de Llamaradas dende as ventas. Cóntame que hoxe toca puro, ging e Frascuelo. Ameazo con importalo se continua abducido polo paleolítico da capital do imperio…mais esta tarde fai moita calor e eu non ando pra consellos pre-nai nen insubmisións taurinas.
As isobaras chuchan a tinta deste calamar, o asfalto pégase na pel dos zapátos, perdoen donas e cabaleiros por esta feble inspiración termómetro dependente.
Msx d llamaradas (tempo real):Frascuelo está fallando.É un gran perdedor.



Tuesday, May 26, 2009

DE BRONQUITE (e astenias)

Estes días teño...
unha bronquite no corazón
con disnea na sístole sen diástole,
unha tose elegante que arrastra
os pés cansos en cada arrincada,
unha capela pra ateos con vista
onde apostatar no baile de San Vito
e 4 burocratas ,que afirman non saber,
onde agocharon o impreso pra vivir.




Saturday, May 23, 2009

3 ANOS (e varias lerias)

TRES ANOS de lerias, 409 entradas, miles de euros aforrados en psicólogos, ducias de bicos verquidos en tinta e as ganas de seguir pegadas nos dedos que disparan medos, amores,músicas, excesos,amizades e xenreiras.Moito obrigado a todas e a todos os que nalgún intre sentáchedes o cu por estes lares. Mirámonos nos bares e tamén por esta vosa casa sen portas.


Friday, May 22, 2009

De ASCENSIÓN (e descensos)

A resaca como coartada pra un asasinato non é mais que a falta na casa de auga e analxésicos. A noite troca de vaso pero non dimite de ser noite que deixa as marcas duns neumáticos nas pálpebras do mencer, as mesmas barras con distintas camareiras e as verbas e coitelos pendurados do fume dos garitos onde sempre gana o Dj.
A resaca como coartada pra un asasinato non e mais que o efecto óptico dun miope que non ve mais alá das súas tristes botas, o anhelo dunha pinga de suor frio que esvara polas costas, o sorriso do Franético no derradeiro bis e as veces que vaciamos o cargador do revólver no esqueleto dun cadaver embargado.



Tuesday, May 19, 2009

Os MAIOS


As isobaras deste Maio teñen un antollo con espirnos e vestirnos e todos sabemos, que as isobaras, non atenden a razóns.
Agora que os cobradores do frac van en traxe de baño pola costa e os aburridos teñen secuestrado á retranca, agora toca, facer a colleita de sorrisos, buscar lumbrigantes na túa pel e espantar as pantasmas do día a día que veñén, disparando exames do mal vivir.



Sunday, May 17, 2009

De MORTES e LINGUAS


Hoxe, mentres sacábamos a lingua á choiva fronte a cegueira dos tristes, morreu Mario e o mundo, fíxose máis dos tristes e menos de nós.


Saturday, May 16, 2009

de FAROL



Relear as túas bágoas,
escorrentar as miñas pantasmas
e subirche a saia cun aquel despistado,
forma parte do plan,
dun xogador de poker
que non ten nin pra un farol.


Tuesday, May 12, 2009

DE RECREOS E SITIOS

Os vellos apuran o paso pra chegar a tempo ao centro de saúde á hora do troco de recitas, o inverno gáñalle pola man unha volta de viños á primavera e o espertador sálvame dun epicentro onírico, devolvéndome con agudos a unha realidade pegada ao leito da madrugada. Os irmáns e Sabela notifícanme que Antonio marchou mentres revolvo a vida co café nun garito, onde os inquilinos de barra preparan oposicións ao JB.
Hoxe son un carro sen conductor pola autoestrada, a suma das forzas que lle restan a un rock, unha ducia de cancións e unha banda sonora que busca acubillo ...na medida dos teus brazos.



Sunday, May 10, 2009

DERROTAS



Trabar o beizo no canto da goma de mascar
mesturando fresa acida e sangue
non é mais ,
que unha descoordinación da queixada,
nun día de derrotas.

Sunday, May 3, 2009

SEN (ALARMAS)


Buscarte no rompente dunha autoestrada amnésica,
nas horas que non durmín ao teu carón,
investindo na noite e o ron
que tan só deixan cicatrices,
no fígado e o sono.

Gastar os poucos folgos en non pensar
pra iniciar unha nova semana repetida
cos mesmos babecos,
as mesmas novas
e os homes do traxe gris
“que non falan por nos”.

Ti xa sabes querida
que son o antónimo dunha inversión,
o sorriso confiscado nun fotomatón,
o amarguexo que deixa despois de nada,
unha vida sentenciada a ser vivida
“sen alarmas e sen sorpresas”.


Friday, May 1, 2009

de Maios

Diego Rivera


Hoxe é un día pra lembrar aqueles e aquelas que levan nas súas costas a usura duns poucos ou, como pinta O´Rivas coa mina do lapis da liberdade, "pobre da que teña que fregar todo isto"


RECEITAS*

Eva Wein



Hoxe quero,
chocar contra a túa boca
sen airbag,
lamberme as feridas
co cuspe cicatrizante
do mal vivir
e beber a cidade,
nunha cunca de ron.
Hoxe busco,
un libro de receitas
pra cociñar a lume lento,
as miñas pantasmas.





*Entrada 400...e seguimos