Sunday, April 26, 2009

AGASALLOS (da noite)


Pertencia a cota dos que escorregan nas barras dos garitos da vella e aquela noite exercia o seu rol coa discreción dos que están sin estar. Asasino asasinado, bebía de chope as verbas que aforraba, coleccionando acenos imperceptibles cos membros dunha sociedade segreda que inviste en madrugadas. Varias horas despois de facer a partilla dos silencios na súa compaña, respirou un grolo, miroume de esguello e dixo; ”O peor Torreira, non é este querer requisado, o peor é… a monarquía desta anestesia no resto da vida”.




Pd1:Hoxe lembreime de Xelito con Andrelo e de Llamaradas con Steve...aos dous dende a distancia,bicos e saudades.
Pd2:Con retraso,25 de Abril Sempre!

Thursday, April 23, 2009

CORAZÓN (de rallye)

P.Torreira



Gustáballe ela, o latín e os rallyes e aquela tarde, despois de bicala nun garito onde os sabios invisten vida en aforcar o 6 dobre, ben mirouna e díxolle; “Teño un corazón de asfalto coas freadas dos teus neumáticos marca vis maior".


Monday, April 20, 2009

PREGUNTAS (noctámbulas)

Eva Wein



-.Torreira,pra ti que significa Galiza?.
-.Pra min querida como lle escoitei decir unha vez a un broker de New York, Galiza é a resposta colectiva a pregunta "E logo ti,de quen ves sendo?”



Saturday, April 18, 2009

UNHA (de periódicos)


Conta o periódico que a policía apresou un barco cargado de contrabando,que hai un fato de bicos en stock buscando saída, que a ministra de economía montou unha banda de rock.
Conta o periódico que na feira da vila rifan un aburrido ao por maior, que hai excedentes de hostias pintadas no reverso do meu nome, “que a piscis y Acurio les toca el vinagre y la hiel”.
A cidade bota unha baila ao ritmo dunha Big Band, os carpinteiros pulen a madeira do teu andar en fuxida,os pirónamos prenden con mistos una cacharela no polo norte mentres Ti, xogas a ser central defensivo cun 10 dourado nas costas.
Non quero ser o comandante que lle roube o sorriso a unha princesa atrapada na república do vivir.



Sunday, April 12, 2009

CAFETERÍA(s)


Na cafeteria Abrente ,os homes e as mulleres “renden contas ao rei” e os almorzos continentais, condiméntanse con ron.
Na cafetería Alborada, a vida mídese en bicos non dados, suores embargados noutras peles e un medido blue montain camuflado como “el gallego” pra os de sempre.
Na cafetería Amencer van a misa os ateos e os curas visten mandilón, coleccionando o peso bruto nas capelas dos ollos da cidade.
Na cafetería Rompente fan cola os que se abrigan do novo día, os que están de volta de nada, os que trocarón o asalto ao palacio por primeira liña de barra e aqueles que te pensan, a ritmo de jukebox, pan, viño e xamón.



Friday, April 10, 2009

PROCESIÓN(s)

P.Torreira


Por falar, falarei do mar onde mollo os excesos do non durmir, as verbas confiscadas pola noite, as amizades que conversan catalizadas pola uva do viño e a imaxe do teu corpo espido,en santa procesión dun fato de costaleiros varudos.


Wednesday, April 8, 2009

SEMANAS (santas)

Eva Wein


Alugado no teu reverso a distancia prudencial
poño a secar o meu corazón, que quere sol.
Levo unha regalía nos petos dun paraíso fiscal
que non entenden de eucaliptos nin inspectores.
Teño un aquel desnortado que din interesante
e non é mais, que a guerra que perdín disparándote.
Os caixeiros a falta de cartos emprestan verbas
que din trebello,bico,latexo…mentres ti
tes unha gominola no pezón que sabe a mora
e un caderno de bitácora, que fuxe do mar


Saturday, April 4, 2009

INSTANCIA

Enkartist

Chúchame, toda a tinta que pinta o teu nome,
e deixame un retén
pra manchar as follas brancas
e sinalar unha saída de emerxencia,
nas noites
desta cidade empedrada


Thursday, April 2, 2009

REFUXIO(s)

P.Torreira


Estes días abrígome, por recomendación do meu doutor, nun País chamado Baltimore e nunha lagoa de viño.
Ante a vértixe do vivir, sempre busquei acubillo no bico da uva envellecida e no bo facer de certos guionistas, actores e directores que asubian como advertencia nos meus miolos un continuo “McNulty, non me fodas”.