I often tell artists to spread their communication and promotional efforts as wide as they can. Sometimes it works and sometimes it does not. You should never ...
Entregar derrotas húmidas a xogo coas túas medias negras. Apostar sen fondos nun crime pintado a sangue quente. Voltar a ser okupa dos teus antollos requisados pola vida. Catalogar estertores por onzas nunha rúa sen saída. Relear o vento cos petos baldeiros no mercado das túas costas.
PD:Non quero tomar LK con Mr Feijoo os vindeiros 4 anos
Esta mañá erguinme cos miolos nunha gamela lonxe do peirao, cun almacén de ferralla no corazón e ese sabor a metálico, no padal da noite. Hoxe protexerei os andares cunhas luvas de caucho pra camiñar o día.
Fuxir por horas na compaña dos meus esgotando as reservas do negro café na Limia la nuit. Camiñar por rúas onde ninguén é quen parece ser, ou si, mentres dous esquimais espantan a friaxe a bicos entre muros de pedra. Mirarme Merlín, agocharme de min mentres queimo as follas dos calendarios con restos de bica nos beizos. Esta noite por uns intres, habitei o país da troula e a evasión e recibín á alborada, cun sorriso como pronto e pago e mais vello que Deus.
Hoxe tan só quero que me enchas o peito de terra, pra agromar unha árbore enferma e reincidente. Hoxe boto de menos, todas as miñas ausencias en fuxida.
Quen leve as miñas pantasmas non leva regalía. Quen leve as miñas pantasmas leva un bico torcido pola vida, unha participación na derrota da noite, os restos do que fun, os excesos do que son, a porfía na vértixe dos teus quizás, un país sen exercito, un aloumiño de rebaixa.
Quen leve as miñas pantasmas non leva cousa boa. Quen leve as miñas pantasmas leva un gabán con restos de piche nos petos, a desvergoña de disparar sen armas, os corpos das mulleres que non eran o teu corpo, as veces que quixen gañar pra perder, os quilómetros feitos pra ir a ningures, un corazón vendido a prazos.
Quen leve as miñas pantasmas non leva un tesouro. Quen leve as miñas pantasmas leva un pousar treboento, unha invernía abafante, dous bancos que quixen atracar, tres irmáns da tralla brava, un carro de engurras con pedigree e o traste que te fita espida, na señardade do teu colchón.
Esta noite toca canear a morfeo, esgotar a mina do lapis perder o xuizo da moa investir nun ging desterrarse en nunca mais intimar coa túa sombra e poñer as verbas con acta de rendición aos teus pes.
Andar en bici polo asfalto mollado da túa pel sen sinais de tráfico nin policias. Disparar bicos polas túas costas en noites de choiva baixo un edredón autárquico. Mercar os teus beizos por renting sendo un mal pagador dos teus si enlatados.
Este Domingo espertei, farto das resacas que deixan borras de melancolías no café mollado co xornal, canso de ser un arraiano nos ángulos das túas cadeiras, descreido da parella de ases de man que todo prometen e todo quitan e preguiceiro desta semana requecida que entra asubiando unha canción garrafón.
*Parabéns a Marci polo parzamique escrito coa tinta do corazón
A falta de xeo botarémoslle limón conxelado, poñerémosnos ao día, remataremos a botella de Habana, apuraremos as verbas e investiremos historias na rúa, nos locais que pechan por xubilación, nas mulleres que fuxen deixándonos unha memoria nos beizos e nas comunidades de veciños que deciden en xuntanza democrática que as obras do tellado empecen cando a empresa este libre.
Mirar por horas a este home barbado é unha regalía xa que podo recoller nel aos amigos ausentes, marcarme co salitre e voltar a casa asubiando unha canción nun carro musicado sen Tom Tom.
Percorrer os anos 20 da lei seca e o mandato da pólvora con exceso de enol e disparos de amizade estivo moi ben.
Facelo na compaña dos teus e coa música en directo das Batuko Tabanca, Xurxo Souto, Susana Seivane, Bocixa (Zenzar), Ico (O Sonoro Maxín-Lamatumbá), Pulpiño Viascón, Guadi Galego, Uxía Senlle, Rómulo Sanjurjo e a presenza das Garotas da Ribeira e Carlos Blanco non ten prezo.
Moito Obrigado a Manolo e a Natalia polo convite e a festa.