Friday, January 30, 2009

PAGO (en sons)


Hoxe quero
tapar a cara cun pucho
pra mirarte mellor,
recoller os restos
cos excesos,
auditar a vida
cos días por decreto,
mercar o teu pensamento,
facer un feixe
coas derrotas,
desnortar ás pantasmas,
avisar ás victimas
e deshonrar o refaixo,
das túas gañas hipotecadas.




Foto:P.Torreira por Xun
Audio:P.Torreira-P.Conte (sen que serva de precedente)

Wednesday, January 28, 2009

DÉBITO

Camiñarte cando me pensas,
preso dunha anécdota,
dun adobío
contemporáneo…
inconsciente,
irreflexivo,
insomne.
Anotarme na lista de espera,
dos que non esperan,
nun pensamento
transgresor…
bo,
bonito,
barato.



Foto:P.Torreira por Eva Wein (moito obrigado loira)

Saturday, January 24, 2009

COARTADAS

Eva Wein


Esta Noite quero mollarme en ti, empregando o aire en movimento como coartada.



Friday, January 23, 2009

ASEOs

Hoxe non estás, e o home do tempo anuncia alertas vermellas e refachos de vento que infrinxen os límites da DXT.
Menos mal que as veces, os homes do tempo non entenden ás isobaras.
Menos mal que as veces, os aseos dos garitos son o máis próximo a un cadro de Andy Warhol ou a unha igrexa pop, para soidades desnortadas.




Foto Eva Wein.

Wednesday, January 21, 2009

O TREN

Juan é un apátrida da vida moderna que vive e camiña en Compostela, un rara avis que fuma o tempo en pipa, o derradeiro marxista da cidade, un sabio sen título, unha flor entre a cinza."Tes que entender que os miñatos cando voan, atopan aos ratos polas herbas que estes moven ao seu redor, non porque sexan quen de miralos dende o ceo".
Juan é un dilixente da vida que toma os seus tempos pra fitala, un fotógrafo que revela as dores que o corpo agocha, un estudante dos dereitos dos que non teñen dereitos, un crente do hard training, un curioso namorado dos animais que camiñan polo carrís de ferro, un ateo anónimo deste estar por decreto."Non sei porque me preguntas pola miña debilidade de gastar as horas mirando pasar os trens na estación. Tal como está a cousa, o mellor que un pode facer e ir mirar os trens".
Hoxe acordei de Juan porque tocaba acordar. Servan estas verbas coma homenaxe e coma lembranza da obriga autoimposta de facer por velo aínda que só sexa pra escoitarlle decir "Non deixes de ser un bo rapaz, non permitas que estes fagan malo de ti".
A JVC polas lembranzas.

Monday, January 19, 2009

DE INGLESES

Unha fartura de vento,
a escuma dun mar anoxado,
a luz acesa do Cabo Vilán,
o cemiterio dos ingleses,
os garitos da Costa da vida,
as partidas bravas de billar,
as misivas pra liar evasións,
as verbas sen tinteiro e
os litros de ron son...
un catálogo de antídotos contra
os teus silencios.



*Foto Eva Wein.

Thursday, January 15, 2009

TOCA

Esvarar polo teu corpo sen documentos
requisando as zapatas dos freos,
embargando as débedas
das noites,
do non dito,
nos bicos sen lingua.


Tuesday, January 13, 2009

LEICA (de letras)

A noite dispara versos de garrafón,
ron adulterado da poesía que agochas no camiñar.
As parellas arríncanse versos da boca
trabando as verbas nos beizos,
xogando a ser protagonistas,
dun filme con luces de neon.

Hoxe penso en ti codificada en letras,
na tinta que deixan as túas cadeiras,
nas xanelas que abren os teus ollos,
no que dis sen dicir,
no que calas ao falar,
agochándote.

O meu fitar vérquese no papel,
enfermidade venérea do percibido,
cámara fotográfica de saldo,
distimia a demanda
dun esteta consentido…
pola vida.


O diccionario di que “a xesta e o codeso
pertencen á mesma familia
pero a xéneros distintos”
e eu, tan so penso en ti,
codificada en letras,
mollada,
no ron adulterado da poesía.


Saturday, January 10, 2009

LÚAs (CHEAs)

A lúa chea alumea unha pedra da vella aterecida
agochando unhas polainas debaixo da saia
desta noite, que non ten respostas.
Os garitos destilan derrotas con panos palestinos nas
gorxas que veñen do Toural.
A cidade computa termómetros, berros e sábados
e ti pra variar mising, pintando as ausencias
acubilladas na madrugada.

Friday, January 9, 2009

MEMORIA (branca)


Hoxe quero na túa compaña, meter as falorpas de neve nunha cunca de LK mentres miramos morrer as horas, a rentes dunha fiestra de pedra con lembranzas da nenez.


A Xun,que sempre fai nevar por estes lares un 9 de Xaneiro.

Thursday, January 8, 2009

ESPERTARES


6.30 Esperto sen espertador e acendo a tv que da un bos días a ritmo de jazz. Levo toda a noite pluriempregado en soños e atópome canso. Ela está detida no cadaleito branco, tomándolle o ritmo aos corazóns da cidade e o meu latexa, aínda a modo, buscádolle as zonas quentes a un leito grande.

6.45 Alongo un brazo por fora do edredón e collo un libro de Le-Clézio sobre Frida e Diego. Intento concentrarme, aínda en fase REM, no primeiro capitulo mais o fitar vai cara a fotografía da portada onde o corpo del, inmenso, reina ante a decisión dela.

7.00 A Tv troca o jazz polas novas do informativo. Música por neve, mortos, vergoñas, ex-presidentes e funámbulistas. A Concha móstrase branca e imaxino Donosti con ganas de estar, os iankis piden tempo pra pensar mentres morre xente en Palestina, Aznar piropea a Bush e Philippe Petit baila nun fio entre as finadas Torres Xemelgas nos anos 70.

7.05 Un Policia pregúntalle a Philippe, Why? e este respóstalle que as cousas que non teñen explicación son as mellores, máis friaxe na península, volta o sono.

7.40 Soño rápido a domicilio con bicos sen fin nunha enchedela de Carmín, soa o espertador, empeza o día.



Monday, January 5, 2009

CAIXA (s)

Eva Wein


Hoxe gardarei na caixa un atraco sen balas aos teus non, un administrador de silencios, un pecado confiscado, dúas botellas de LK, unha hipérbole trazada no eixe das túas cadeiras, aquelo que non nos dixemos cando tiñamos un mundo que contarnos.
Hoxe gardarei na caixa unha de lembranzas, pra logo ter que comer, cando a memoria teña fame.

Friday, January 2, 2009

SOIDADES (alleas)

Eva Wein*
Ti xa sabes benquerida, que hoxe presentaría unha instancia ao maremoto de curvas dos teus bicos mais debes entender que nesta noite hipotecada polo amencer, tan so queda, prender unha luz nas pupilas dos que sempre xogan a facer oscuros os seus ollos e as súas soidades.

*A Capilla (Bareto-Calo-Teo)