Tuesday, December 30, 2008

2009

P.Torreira por Eva Wein
Agora que empezo a colleita dos día pasados, a reciclaxe de lembranzas, o propósito de enmenda. Agora que asumo que non terei uns abdominais de ferro, que teño que empezar a mercar puchos diversos pra combater a friaxe na cachola, que continuarei investindo na escrita pra aforrar terapeutas, disparando sen balas, querendo sen condicións nin contratos, agora tan só queda, desexarvos no 2009 BENQUERIDOS e BENQUERIDAS, o mellor dos anos vividos. Bicos autistas de LK a esgalla.
pd1:obrigado a E.Wein (editora e amiga) pola foto.
pd2:un desexo...Palestina.

Sunday, December 28, 2008

PURO (Malta)

Onte fun mirar á Irmandiña e quecín o peito, a falta dun LK, cunha boa dose dun scottish chamado Nacho Novo. Este, despois de xogar un derby pola mañá no país adoptivo , decidiu coller un avión, vir a Coruña e erguerme das bancadas cos seus goles en dúas ocasións. Brindo pois neste domingo de silencios e resacas existenciais por este “vatted malt” pangalaico.

Saturday, December 27, 2008

AGORA (Toca)

Rachar a friaxe cun bico termolactil,
facendo un extracto do vivido
agora que toca fitar o albarán
do dado e non dado,
do perdido,
dos viños que agardan
polas nosas bocas escépticas.

Comer os restos da enchedela
mantendo o tipo cun anaco de broa
agora que toca poñernos a dieta
do suado e o querido,
do por ela demandado
das festas que espreitan
polos nosos pes lentos.

Fichar por outra barra de garito
contando as vellas historias tuneadas
agora que toca reciclarse da nada,
do mal cantado,
do escrito
dos polbos anotados
no debe dos nosos corpos.



Tuesday, December 23, 2008

POETAS (e outras lerias)


Anda o Morris convencido de que estas lerias teñen superávit de poesía, cousa que me comunica cun bando disfónico de catro verbas e unha dúbida no aire que di “estas feito un poeta”. Anda o Morris coma sempre, ensinando sen ensinar, contando sen contar, pedíndome que non encolla a prosa, que non me agoche tras un verso, que deixe de ser un baixo falante.
Eu ben sei que o Morris, poeta acubillado e lector de poesía, quéreme mirar sen filtros, saber como me vai, espirme das metáforas, encollerme as sombras e buscar o cotiá mais o que o meu mestre non sabe e que o Nadal, ponme de mala hostia, sácame de punto, búscame as cóxegas do mal querer e méteme anacos de turrón entre os dedos que tan so disparan…bicos de tinta china para quen os queira recoller.

Sunday, December 21, 2008

SOL (de Decembro)

Fitar a vella con ollos estranxeiros,
tomando este Domingo ao sol na Quintana,
mirándote coas túas novas gafas negras,
pensándote actriz,
gastando fotografías dixitalizadas,
buscando un garito onde beber un ging,
compartir silencios,esconxurar turistas,
que ocupan as pedras
por onde penduramos os pes.

Saturday, December 20, 2008

SOIDADES (acompañadas)

Conto cos dedos as soidades
acompañado de xente descoñecida.
Destilo o enol cun sorriso de alambique,
fago un inventario de excesos,
chámote pra non escoitarte,
e chego a casa
guiado por unhas tristes luces de Nadal.


Wednesday, December 17, 2008

NARCO-TV

Uns zapatos contra un exército,
un neno nunha caixa forte,
unha lata de conserva de bicos,
un consentido demandante,
uns obreiros finados nun hotel,
unha tv a piques de estoupar,
un mundo por pantalla,
estas ganas de…



Monday, December 15, 2008

ADOBÍOS

Un bico ventosa que fai perder pé,
este espacio aereo invadido polos rusos,
ese disparo sen permiso de armas,
un sorriso arrincado ao finado,
estas ganas de ti onde non hai ganas,
non deixan de ser…adobíos dun escéptico por Nadal.


Saturday, December 13, 2008

DO REVÉS

Mollarse os pes cun paraugas cativo made in Japan,
despois de tornar a Quique nun eterno retorno de Nietzsche.
Na Capitol, onde as lolitas toman Jack Daniels en vaso ancho
e algún veterano de guerra ron rebaixado,
o mundo xira do revés
ao ritmo dun pequeno rock and roll.

Friday, December 12, 2008

ADRENALINA (Musical)


Non sei se os Gogol Bordello son un grupo de gypsy punk do Lower East Side of New York City mais o que si sei é, que o que vin onte na Capitol, pódese considerar a maior descarga adrenalínica colectiva-musical dende o paso da Bersuit pola cidade.
A miña artrose e eu brindamos polo bendito espectáculo alí ofrecido.

.

Thursday, December 11, 2008

FUTURO

Este rock perdeu o compás
pra bailar un agarrado sen caxato
nun campo onde rematou a festa.

Esta dor de moas e unha coartada
contra o mal de aire da invernía
e o pouco xuizo que teño nelas.

Este padriño pagano putativo
busca madriña pagana putativa
por horas.

Esta tristura dos teus que son meus
este presente envolto en cicuta
esas bagoas importadas de Camboia
ese “Juve y Camps” agardando no fígado
por un futuro de xamón,risas e viño.


A Eva Wein e Franético


Monday, December 8, 2008

FUXINDO (de nos)

Gastamos as verdades pintándonos as fazulas con elas
e logo enchemos o carro de gas oil,
pra lavar a cara ao carón do mar do norte
cun fato de bicos salgados.
As veces a fuxida queda a dúas horas de casa nunha vila
con garitos soviéticos e algún hotel mitolóxico,
construído por Eurídice, antes da lei de costas.


Adicada a canción a Franético que sempre defende que son mais Cohen que Sabina

Wednesday, December 3, 2008

CONFUSIÓNss

A troula da friaxe mollada deixou paso á choiva morna que anega a pedra da vella e alixeira o ron das copas que fuxen dos garitos. En Compostela levamos uns días que non sabemos se mudarnos esquimais ou mercar unha góndola. ”Un home que ten moitos principios e non deixa de falar deles é un estúpido. Un home que ten poucos e resiste con eles é un recio” afirma dende o púlpito da barra un barman que fita a Tv cun sentir escéptico. Mais eu hoxe non queria falar de economizar os principios, nin das góndolas que navegan a Piazza de San Marco ao carón dun café quente do Florian nin tampouco, do iglú que as veces alugamos no colchón. Hoxe tan só queria decir , que por aquí vai frio, chove, e as veces , penso en TI.