Monday, June 30, 2008

AGORA

Agora que o can de palleiro está en perigo de extinción e ti vistes saias que axustan o termóstato das témporas. Agora que nos garitos serven bicos con xeo e a cervexa é a nova bebida isotónica dos deportistas narco-olímpicos. Agora que Luís e o mellor adestrador do mundo e Arconada xa non é Arcomanta, agora toca, darlle a benvida ao verán e refrescar a calor coa suor dos nosos corpos cansos.

Sunday, June 22, 2008

NIN COBRA (nin can)

O sol cae a cachón e as estudantes portan moreno de candil polas rúas de Compostela.
O sol é un consentido que evidencia o paso dos anos e as marcas que a vida cobra sen licitar. Teño dende fai días unha soidade atorada por moita xente que non coñezo e sabe o meu nome, un camiñar de souvenir dun todo a cen, unha distancia natural con cada verba que pronuncio, unha ausencia importada en cada bico que dou.

Saturday, June 14, 2008

...SEN TI

Suicida, como un can que pasea pola vía rápida do Barbanza.
Baleiro, como un príncipe que danza o himno de Riego.
Húmido, como o xeo que deixei esquecido nas túas costas
Oxidado, como un bico artrósico nun puticlube de carretera,
así estou eu…
As camareiras xa non traballan cun audífono de serie,
as xeadas aferruxan as penas dos que emprestan sorrisos,
os fígados pasan facturas endosadas a copas en serie,
as enrugas sindícanse contra o paso do tempo,
nunha “loita de xigantes”, dun sábado noite.

Sunday, June 8, 2008

MENCIÑEIROS

Obrigado a Javier, Manecas, Carlos e o gran Andrelo
por emprestarme, en 72 horas nas cidades
de Compostela e Pontevedra, tanta vida.
Estando vos, que morran os médicos!.

TAPETE

Cada día…
con mais ganas de nada e menos ganas de todo,
diagnosticado de severa apnea de soños sen tratamento,
pendurado dos bicos que te sobran no duty free,
ausente da guerra de guerrillas dos que xogan
coas cartas marcadas, no tapete das túas costas.


Monday, June 2, 2008

KIT KAT (Condal)


Aproveitarei o amencer pra espertar en Barcelona
lonxe dos teus bicos que empresta o mar do norte,
preto dos meus si ateos que buscan unha verdade
debaixo da túa saia.
A cidade aínda sabe a cava, mandelán e pan tumaca
compartidos co Morris fai anos na casa Batlló.
Sabe a Marsé, pijoapartes e culés
que cantan goles de Gary Lineker cunha canción de
Serrat por bandeira.
Hoxe camiñarei polas Ramblas
facendo exercicios de memoria, refrescando lembranzas,
dicindo sen compromiso
o ben que lle sentan os anos
a esta señora condal.