Teño uns dedos insubmisos que disparan letras dende fai 2 anos nestas lerias, unha filipa acubillada entre a sístole e a diástole dunha arritmia, un fígado no tendal dos que mollamos as angurias no altar de calquera garito mentres consagramos as hostias, un Franético from hell que tece fíos invisibles a falta de cartafoles de silencio onde agochar a súa arte, 283 textos putativos que naceron da necesidade de ser mirados en roupa interior, un pai de Leo que exorcita cómputos de pantasmas coa colaboración dun percebeiro do roncudo, ducias de sons pendurados duns zapatos que bailan en paso curto, unha selva de Esmelle onde se agochan extranos, pícaras e Rosas mentres agardan por Godot no medio da brétema, varias fuxidas radiografadas con cámaras de tinta, unha doutora en excedencia que sana besbellas editoras, un sempre consentido co ritmo do teu corpo, un clube de musas calamarianas,unha princesa do morrazo que vive en terras de Hamlet e dona Rifo, a tolemia de Noa que levo por pucho a falta de radicais libres, unha caterva de Llamaradas, Miguelitos,Sabelas, Anxos, Xelitos, Eds, Marcis, Morris e tamén, unha amnesia que non se esquece das donas e os cabaleiros que non aparecen nos créditos mais viven , nun apartamento con vistas ao subconsciente.Pasan os anos e aferrúxanse as verbas e aínda que NON será este aniversario a miña tarxeta de despedida, teño intención de ser estes meses que entran un pouco-bastante mais preguiceiro nas visitas e os escritos ,debido a necesidade de canalizar enerxias noutras follas en branco.
Mirámonos nos bares e por suposto nestas lerias.
Longa vida ao rei sen coroa, Bicos e LK!










