Monday, March 31, 2008

FRAC


Gardo tres balas no abrigo que non aceptan como moeda de curso oficial, nos garitos da vella onde ganamos anos e unha lixeira inflamación hepática. Agora que a luz xoga a coleccionar arcos da vella no suor da miña fronte cansa e os ladróns de frac dormen quentes en casas protexidas por avogados e policías, tan só nos queda, no comezo desta primavera tímida, economizar as nosas enerxías en amores, amigos, música e a penúltima revolución perdida.
Ao meu pai no seu día e a miña nai con retraso, por ensinarme a Ser, sen fracs nen garabatas.

Friday, March 28, 2008

PARÍS

Dous rapaces e unha rapaza vestidos pra facer deporte, recollen provisións made in botellón nun súper de extrarradio neste venres no que agocho debaixo do pucho, “bicos de ala ancha” mentres invisto tempo e pensamentos, na cola da caixeira.
Hoxe son, un mariñeiro xubilado que masca tabaco nun peirao dunha cidade calquera soñando cunha futura marea, un contrabandista afeito a mirala, un xogador de 7 roxo sen fondos, un consentido polas regalías dos seus presentes, unha solicitude de residencia pra refuxiarme entre as súas pernas, o salmón que remonta o río a contracorrente, aquel que viste un traxe de tristura porque sempre foi un esteta consentido que busca, unhas verbas terapéuticas.
Camiño dun apartamento conquistado polos libros que xogan ao desorde, pénsome e non existo, lonxe dos baretos que todo emprestan e nada dan.
Agora que as ereccións de tinta remataron sen góndolas voçe xa sabe querida, que sempre nos quedará París.
*Con reporteiras asi,quen quere enviados especiais.Moito obrigado.

Sunday, March 23, 2008

TORREIRA

P. Torreira
Sempre que quero ser outro, inicio unha fuxida a Torreira.
Un libro, a caipirinha no sardinha, o arroz no Alberto, un leito onde repousar no residencial, unha praia latifundista, o Rui mirándose xogador en 10 anos no Porto, unha enchente de vento do norte, dúas cuncas de vinho verde muralhas e unha ducia dos teus bicos, bailando un agarrado no maxín das miñas lembranzas, nun eterno retorno.
Esta vila non ten nada mais especial que estar sen ningunha pretensión, cando se precisa.

Tuesday, March 18, 2008

FUXIDAS (Paganas)

Encarrapuchados do Ku Klux Klan
percorren a vella de Compostela cunha cruz.
Os meus pecados precisan de filtros melitta
pra facer un bo café co teu espertar.
Na cociña hai restos de caldo, botellas de viño
e unha marca de carmín nun pos it.
As túas manchas reinan nun salón onde miro a tv
cunha Esteban esposada sen traxe.
Corro o risco, de confundir o porno cun poema de Neruda ,
nun verso do Capitán.
Invisto en diésel a prezo de súper, cada vez a fuxida sae mais cara, o Ford made in Marci goza de boa saúde, Portugal agarda, xa o dicía Siniestro…menos mal.


boomp3.com

Saturday, March 15, 2008

BOCA

Hoxe levo na boca un anaco de ti cun sorriso por bandeira, un paso do teu camiñar cando vas a ningures e buscas todo, un faiado de ron agochado no padal, dous bicos conxelados pra facer no microondas e tamén, un axuste de contas coas ganas que te teño.
Hoxe erguinme coa sensación de ausencia e unha tristura pegada as plantas dos meus pes que gastan un 44 polas rúas da cidade, buscando en círculos concéntricos, a liña de meta dos que sempre perdemos na vitoria.


Monday, March 10, 2008

PARAUGAS

A veciña párame no portal e fai un relatorio de todas as súas desgrazas vitais en 2 minutos, confesión que eu contesto cunha cara de atención digna da mellor das partida de póker, para non ser alcumado de insensible e aumentar a miña ben ganada fama de antisocial. A veciña ten uns ollos azuis que crava nas miña olleiras investidas pola noite que teñen déficit de todos os consellos que emprestan, os programas de boticas e saúdes. Con todo, hoxe non quería falar de veciñas con exceso de oralidade, nin dos días que veñen espertados polo vento. Tampouco quería falar dos 10 millóns de cidadáns que aloumiñan co seu voto verbas incendiarias dos que están mais aló dos destros, nin dos carteis que reinan derrotados polo tempo. Hoxe tan só quería falar da necesidade que teño de pasear con vos por Compostela , refuxiado nun paraugas por bandeira, cunha dose reincidente deses bicos brillantes que curan ...veciñas, excesos, frustracións e invernías.

Wednesday, March 5, 2008

AGARRADO

Entra unha friaxe pendurada da man de Lourenzo por Compostela que actúa de crema hidratante sobre a miña pel gastada. O faiado da vella esta ateigado de botellas do negro café pra quecer corazóns aterecidos, estradas secundarias de fuxida a ningures onde ti agardas con pouca roupa e moitos bicos.
Hoxe vives nunha canción que okupa os meus miolos marcando cada paso aos mesmos locais onde perdo altura con elegancia mentres os nenos xogan ao fútbol na Quintana e o resto do mundo adormece mesturando prozac , euribor e caricias en tetrabrik.
Ti sabes querida, que somos politicamente incorrectos, animais en perigo de extinción, inmigrantes con Rajoy, delirium tremens sen coes, dor de gorxa con mel, suicidas sen chamadas de atención, dueto do todo a cen.
Andan as témporas cunha crise existencial que non entende que os homes do tempo tamén teñen hipotecas e familia mentres ti mais eu, botámoslle un agarrado a un futuro sen vistas.


-Este texto foi posible co regalo de XOEL pintando de música esta habitación.

-EU +TI+ NOS ou como agradecervos os aloumiños húmidos recibidos.

Saturday, March 1, 2008

RESACAS (mal levadas)

O espertar empresta un amencer pegañento que cobra perdas das copas de mais e os sorrisos regalados. As verbas que chegan co refluxo saben a ron mesturado coa imaxe de todos os garitos pechados na compaña do Franético, polos vellos tempos. Debes saber, que a pasada noite busqueite nunha cidade empedrada cos beizos repintados e un exceso de rimel nas pálpebras e tamén, en toda canta muller quixo ser atopada.
O día despois ten un aquel de artrose existencial aloumiñada pola voz repetida do Andrelo cantando a Cuino. O día despois é un cabrón que inviste en melancolías a domicilio insubmisas a todos os bicos enlatados do mundo, a todos os discos 100 veces escoitados, a todas as servilletas pintadas con tinta china e a todas as túas cartas que non chegan, agora que correos é un axente notificador de recibos bancarios.
Hoxe teño no peito unha derrota repetida, pesario dun descreido malvendido polo garrafón e as ausencias.