Tuesday, January 29, 2008

DOCE (de bica)

Chega o Entroido e Filipa rebule entre o asfalto da cidade buscando un ser alternativo pra todos aqueles que somos outros o resto do ano. Estas datas acenden o seu motor da terra da chispa e catalizan polo tanto o seu espírito pagán e libertario entre cuncas de LK, pantallas, sorrisos, amigos e moita, moita troula.
Aproveitarei pois estes días, se a vida moderna así o ten a ben, pra deixar nun pequeno curruncho a gabardina e o sombreiro mentres libero as 7 vidas que levo dentro agardando á cola.
Non podo dicir como escusa, que non me tivesen advertido os meus amigos durante moito tempo,”Pablo, non te confíes que como te descoides, esta muller, disfrázate".

Sunday, January 27, 2008

TRADUCIÓN (dominical)



Regalía, os teus bicos son regalía e os restos, tradúcense en verbas e omisións.
Verbas sincopadas adoptadas polos garitos da vella en horas xordas, decomiso do tempo que perdo en tocarte cando emprestas o teu corpo cun si mudo.
Omisións propias dun servidor que xoga a perdedor porque a vitoria resulta terriblemente aburrida e sabe, a froita de invernadoiro de Murcia.
A cidade esperta mollada da noite mentres xoga a espreguizarse sacudíndose os excesos cun café e os xornais dominicais. Os zapatos novos son sacados a bailar pola pedra que malvive pisoteada, os nenos xogan as agachadas cun luns que ameaza a mesma semana repetida e eu, parado no medio da praza, agardo por un extraperlista que troque verbas e omisións por dous bicos dos teus beizos de sucre.


Friday, January 25, 2008

REGALÍA

Hoxe perdín a equidistancia que separaba os nosos corpos e espertei cun peito teu aloumiñando a miña man. Foi entón cando decidín escribir unhas verbas en xusta correspondencia e baixar ao súper , a mercar froitas de cores pra decorar a túa boca e a túa pel liberta.
Hoxe asinei un tratado de libre adhesión co xustillo que malvive nas túas curvas nunha osmose que non entende de fronteiras, cando intentamos, regular o libre comercio de caricias.
Hoxe fun un consentido cun si por bandeira , un antollo cun billete de retorno entre as túas pernas, un samurai pangalaico con exceso de LK, o dobre do que son cando non estou contigo.

Regalía, os teus bicos son regalía e os restos, tradúcense en verbas.

boomp3.com

Monday, January 21, 2008

NON (Ser)

Hoxe espertei canso de min e levo todo o día sen falarme, nin mirarme, agardando que a distancia suavice este sentimento de convivencia mal levada.
Hoxe pedín unha despersonalización á carta, lonxe das ganas que te teño, das revolucións aprazadas que invisten en pesarios nos pes, das cidades que agardan polo meu camiñar, dos textos e as verbas que engordan nestes miolos de saldo ocupando espazo e tempo.
As veces compre perderse de vista, escavar unha trincheira na memoria, agocharse dun , exiliar a túa lingua da miña pel gastada, facerlle un corte de mangas ao respirar….e xogar a Non Ser.

Friday, January 18, 2008

CHAMADA

Hoxe fumarei os teus excesos envoltos en Rizla,
insubmiso a requirimentos xudiciais que
acreditan nunha morte por aburrimento.
Os xornais disparan balas de papel
a bolsa aposta polo cotiá
nas rebaixas regalan armaduras
as túas curvas non están ben peraltadas
a vida rífase nun todo a cen
os bancos non escreben cartas de amor
a revolución perdeuse nunha urbanización
Esmelle reivindica autonomía
eu ,autodeterminación...

e ti,coas pastillas de freo gastadas
asubiando un VEN,VEN VEN.


boomp3.com

Sunday, January 13, 2008

HABITACIÓN (Con vistas)


Hoxe debín durmir soñando con voçe ou iso dicía o meu corpo ao espertar, nese momento no que un discorre entre os dous mundos que comparten nas súas querenzas, o común denominador das túas curvas.
A cidade esperta cobrándose a débeda de choiva de todos estes meses, os desherdados da noite circulan do Maycar as súas casas, as beatas preparan o rosario como pronto e pago dos seus pecados , nas cafeterías conviven a derradeira e o café con churros, os xornais sofren de obesidade dominical, a túa cara xoga unha partida cun rimel imperialista, as miñas caricias presentan credenciais caducas entre as túas pernas, as familias preparan o seu encontro semanal.
Agora que o meu pai recibe publicidade a domicilio pra revisar a súa capacidade auditiva e certos amigos invisten os seus aforros en cueiros pra bebés e o momento de pendurar na porta deste motel o cartel de, NON MOLESTAR, guerra de bicos na habitación 69.


boomp3.com

Monday, January 7, 2008

DESEXO (MÚLTIPLE)


Eu quixen ser eu e saíume un Torreira, que ben pensado despois dunhas cuncas de LK, non deixa de ser eu , ou mellor dito e pra diferenciar, o meu aquilo.
Eu quixen ser todos os que buscaban algo no buraco negro do teu padal e rematei por ser un ninguén, cunha dúbida e pouca iniciativa.
Xoguei a ser, antollo nas túas pernas, revolucionario por horas, noctámbulo diúrno, poeta despintado, neno ben, maduro precoz , futbolista da tralla brava, labrego do enol, ateo místico, galego con síndrome confusional, man no teu peito, suicida ao por menor, mirón no teu escote, salpicón de marisco, pecado a domicilio, verba consentida.
Eu fai xa tempo quixen ser eu e tiven que afrontar unha folga orgánica. Corazón de can de palleiro, estómago susceptible, pulmóns inconstantes, cerebelo desequilibrado e lingua hiperactiva pediron unha negociación definitiva do convenio colectivo pra remar nunha dirección,como a traiñeira de Perillo.
Eu quixen ser eu e saíume un Torreira, que ben pensado despois dunha noite polos garitos da vella , non deixa de ser outros, ou mellor dito e pra diferenciar …
o que ti queiras que sexa.

Wednesday, January 2, 2008

CALDO

P.Torreira

Agora toca poñerse a pagar os excesos, escalar unha costa de Xaneiro, reciclar media botella de ron, recortarlle as follas ao calendario, darlle a volta ao contakilómetros, suturar feridas de bordes nidios e subornar ás mans que teñen un capricho debaixo da túa saia. Agora que as pingas de auga fan streep-teese baixo os focos das luces da vella e a cidadanía acude ao purgatorio do turrón cunha 4B debaixo dos dentes, tan só nos queda o exilio do caldo como antídoto ante tanta festa por decreto.