Tuesday, November 27, 2007

DESEXOS (marinos)

Eu nuns anos,quixera ser Toniña, o cetáceo mais pequeno e esquivo do hemisferio norte pola vella de Compostela, alimentado de LK, bicos e amigos, con querenza pangalaica polas costas verdescentes. Xa postos a pedir, prefiro ser Toniña , pra refuxiarme cada noite entre as túas pernas, a salvo de arroaces antropófagos do pensamento único, cun reservorio enólico no marco hepático onde destilar as tristuras da vida moderna.
A cidade transpira as melancolias dun outono que morre entregado nos brazos de Papa Noel, as luces distorsionan o fitar das miñas lentes na túa saia negra, ti non queres perder ningún tren que sae da estación, eu búscolle argumentos aos teus beizos agretados e mentres tanto, mírome Toniña... a falta dun buraco negro onde agocharme
Pd:A falta de tempo e determinados trocos tecnolóxicos teñen os audios conxelados.Prometo compromiso pra retomar os mesmos




Thursday, November 22, 2007

COMUNIDADE (de veciños)

Debuxo coa lingua a distancia que separa os lunares das túas costas buscando un buraco negro onde facer a parcelaria. Compostela emerxe transmutada nun Nadal xuvenil que aínda non acadou a maioría de idade. A cidade quece os motores do balance anual mesturando coas luces o comercio e o turrón nun magosto nonaxenario.
Ela porta no ascensor un catalogo de beizos agretados pola friaxe e a falta de bicos que a barra de cacao non e quen de resolver mentres o veciño do ático consume porno de saldo que non admite matices. Os meniños do 2º fan das súas carreiras polo parqué un concerto de percusión e a cisterna do piso de enriba compite co novo disco de Andrelo na parede do lado.
Exíliasme na ducha que oculta os excesos antes da cea con Carlos ,Manecas e o chef Dani,míraste fermosa no espello,o edificio segue latexando nunha macedonia de metros cadrados,o día non fixo mais que empezar.



Saturday, November 17, 2007

IGLÚ

Torreira

Gasto cigarro mollado no ron das túas pernas
nun sofá veterano da guerra do Vietnam
con varias feridas de bala.
Ti xa sabes que gusto das túas curvas
que sempre tomo,cuns freos gastados
polo pasado.
Son os restos do que fun con plusvalía
e un sorriso sardónico de aquel
que esta de volta de todo.
Ti xa sabes que sempre arrastro un mareo
inmune a unha dose de micebrina
sen cafeína.
A cidade asubía unha xeada made in Alaska
mentres eu fumo en papel de arroz
a túa roupa interior,
os teus beizos,
os movementos,
abdicando da noite
que nada empresta
na pedra da vella
este Sábado.

Thursday, November 15, 2007

TAZA (S)

O señor Andrés saíu do médico como cada semana. Portaba unha recua de recetas vermellas coa axuda dun caxato e uns niveis de ácido úrico a xogo coa súa idade e a querenza polo viño. Dirixiuse, como cada día ao bar de Pepe, adaptou o seu corpo á barra que non parecía amolarse afeita a súa presenza e sen separar o fitar do televisor que reinaba na tasca, pediu un alvariño en taza grande. Ese bar era unha segunda casa no pobo con menos frío e unha tapa de propina que Lola sempre preparaba con cariño na cociña. Aínda que a invernía non se instalara na aldea e a tolemia do tempo era unha conversa repetida, a friaxe aumentaba a asistencia que por aqueles días xuntaba a catro persoas. Nun momento de silencio controlado, Andrés sacou a boina, retirou as gafas de pasta que descansaban nas fazulas, tapou os ollos e bebeu dun chimpo a taza de viño. Unha vez rematado, devolveu cada cousa ao seu sitio e recuperou o equilibrio existencial. Executada a performance e cando o palillo xa non tiña sitio pra convulsionar na boca de Pepe, este preguntou en voz pública sen apartar a vista do televisor.
-.E logo Andrés,seica non che sentaron ben os ventos destes días?
-.Sentaron,sentaron mais a min gústame ser ben mandado cos médicos e hoxe Don Jose díxome con cara de circunstancia que non podía mirar o viño.
-Diríache tomalo.
-A min de tomar non me dixo nada e repítoche que o que non podo e miralo así que vaime poñendo un alvariño en taza grande que hoxe esta ronda corre por conta deste servidor...

Anda o tempo tolo,din que este Novembro pasa floreado e con lumes da vergoña nos montes

Saturday, November 10, 2007

TI

Recepciona estas verbas, todas pra ti, nunha lata de sardiñas con pan de broa. Sal a rúa, aproveita o veranciño do San Martiño ensinando as pernas antes da invernía. Que ninguén che roube o sorriso!, que ninguén che expropie a música que cantas cando vas no carro, que ninguén che diga o que non debes facer. Baila, mírate fermosa diante do espello, deíxate levar polo tempo sen perder a elegancia, aposta pola vida, malgasta as angurias, merca un insecticida contra os pedazos de carne con ollos!.
Recepciona estas verbas, todas pra ti, nunha cunca de Licor Café da terra da chispa. Énchete de razóns pra resistir, perde a razón cando che saia do peito,regala os bicos que emprestas. Que ningúen che marque o campo de batalla!, que ninguén lle poña límites ao teu colchón. Fuxe, empréstalle un corte de mangas aos pobres de sorriso, lambe os tacóns pola pedra da vella... se sinxelamente TI.

Tuesday, November 6, 2007

OITO

Recollido na rúa que alumea os excesos da noite , ando a investir en pensamentos e sensacións despois do convite recibido neste fuchanco de verbas from nena Ra. Oito copas por oito querenzas nun brinde colectivo polos ausentes e o intanxible. Brindo pola luz acesa no apartamento que as veces miro dende a praza cando chego a casa, por todos os SI fáciles que emprestan refuxios, polos amigos que escoitan e non xulgan,”polo de sempre e canto antes”, polos que non abdican na batalla das causas perdidas, pola penúltima do total, polo pasado que fixo de min o que son e por ti, que coidas dende fai anos estes andares desnortados.

Thursday, November 1, 2007

SEIS

O meniño do veciño chora sempre as seis da mañá, xusto na hora que eu esperto estes días cun puñal nas costas que porto con elegancia e anulo pintando verbas. As veces, mentres navego no sono REM, pregúntome se separados polo tabique de placosa, o meniño mais eu compartiremos a mesma dor ou seremos dúas pezas de dominó preparadas pra funcionar coordenadamente na madrugada; el chora, eu érgome. Outras veces, focalizo o meu cavilar no antídoto pra dous noctámbulos por decreto. Mentres el inviste o seu medre e a volta con morfeo no leite, eu pouso as miñas pálpebras cansas neste teclado enviando un May day que remata na volta ao leito co teu corpo espido. Hoxe son un finado con restos de ron nos beizos que comparte cun cativo o espertar, un fato de osos que aturuxan na friaxe deste outono bipolar, unha tarantela que sabe a limoncello de positano, un nómada minifundista das túas pernas, unha conversa calada cargada de razóns, un escritor con dor de espalda…as seis da mañá