Friday, March 30, 2007

GARRAFÓN

Hoxe escribireite un discurso con vistas ao mar pra mirar o que agochas debaixo da túa roupa interior antes de que digas STOP.
Esta noite artellarei un sexteto pra impresionarte e darme por catalogado nos “piquiños de ouro” que van de farol sen contrariar aquelo que non queres dar.
Tendo á despersonalización,elegantemente e sen que se me note, mentres xogo a ser un francotirador do teu fitar.
Teño no peito un niño de bolboretas que xogan a beber ron sen importarlle si é de garrafón (pareado beodo dun todo a cen).

*Colgo hoxe o gravado onte que por efectos dun Rilke Bébedo non puiden pendurar ata o espertar

Wednesday, March 28, 2007

PADAL...


Sempre acreditei nas asimetrias que fan do teu corpo un conxunto de curvas magnéticas que emprestas cunha dose de ollos grandes.Chego a casa e ti non estás mentras eu apuro as derradeiras verbas con acuse de recibo ao teu sorriso tras o mesmo exceso repetido.
Hoxe miña ben,lévote co ron nun burato do fondo do padal.

Andrelo (again)-Torreira *

Tuesday, March 27, 2007

REFRITO (Musicado)

Entrei na túa boca pra xogar coa túa lingua e tiven un Ataque de Pánico,húmido.

K.Johansen-A.Chango-Andrelo-Torreira

CULPABILIDADES (Compartidas)

Torreira

Esperto cun coitelo cravado na espalda e unha botella de ron a medio rematar nun sillón que non bica húmido nin di “Bos Días amore”.Canso, despois de durmir varias horas,despois de soñar que era perseguido por Melendi que omnipresente,aparecíaseme tanto na tele como na pizza mentras eu berraba preso dun Delirium Tremens…Nonnnnn,Melendi non!.
Teño tantas cousas nos miolos que estou por decretar anarquia neuronal e pedir un rexistro pormenorizado de activos e pasivos.Ando ,querendo estar a todo sen pisar chan,buscando un oco no ceo da túa boca,elaborando un catálogo de roupa interior non días de festa e sorrisos,rabuñando o tempo que lisca entre as miñas mans ausentes.
Perdido,pola cidade de pedra que non troca decorados,mirándote nas mulleres con gafas de pasta que parolan entre cafés e infusións mentoladas,xogando ao gato e ao rato coa túa voz radiofónica.
Hoxe fiteite mentras te erguias espida e fermosa buscando na ducha unha iniciatica absolución a un día de traballo e pregunteime porque carallo durmiria nun sillón sen vistas ao teu corpo.
-Porque non viñeches a cama amore?
-Coido que a culpa Filipa,foi de Melendi.
-Estás botado a perder.

Saturday, March 24, 2007

LADRÓNS

Hoxe roubáronme unha hora de bicos ao teu carón,de madrugada,entre as dúas e as tres,con premeditación e aleivosía pintada con razóns de presuntos aforros enerxéticos.
Non saben,que hoxe tiña pensado chucharte a tristura e as humidades do espírito nesa franxa horaria e non noutra porque xa me coñeces e ti si que sabes ,que son un consentido que xoga a explicitarse vampiro cunha estética ambigua de alguén que non mata un moscón a risco de resultar chulo.
Que non veñan con lerias nen días de luz.Eu acredito na noite pra instalarme nas túas cadeiras despois de deixar na vella centos de derrotas repetidas que non precisan de hemerotecas se son fitadas por ti.
Din que a devolverán nuns meses mais esa xa non será a nosa hora,será outra cousa,non sei se mellor ou peor,pero outra cousa.


Torreira Vs Mr Drexler

Thursday, March 22, 2007

QUERENCIAS (e outras lerias)

Hoxe pensaba nas cousas que veñen dadas e non pedidas,nos bicos a fondo perdido,nos presentes envoltos nun sorriso cando un xa non agarda por nada nin por ninguén.
Hoxe busquei as túas letras no reservado que gastamos sen presas como antídoto contra este apetito furtivo dun noctámbulo desorientado polo mal vivir.
As veces paso as horas dilapidando altura,invocando pantasmas que piden mus,xogando a perder pra ganar o intanxible,aquelo que non ven en ningún libro de instrucións.
A noite bótase a un con pouca elegancia,camiño polas rúas da vella retrasando a chegada a un leito-iglú mentras elaboro unha resaca de horario europeo con pedigree.
Teño unha man chea de verdades indixestas e unha orquestina que precisa de morfeo...mañán será outro día.
*Texto de Ra (xenial) con música de Mr Gonzalez
Adicado a Sabela (temática pouco acaecida) no seu día ,por Ser.

Tuesday, March 20, 2007

PRIMAVERA (axuste de contas)


Pasaron xa tres anos,lembras miña ben?...todos aqueles papeis psicoterapeuticos escritos durante moito tempo escomenzaban a tomar forma e vocación exhibicionista,xusto cando os bicos non nos collian na boca e as tardes misturábanse entre libros e colchón.
Pasaron tres anos ,e eu ainda teño a sorte de poder mirarte as pernas algunha noite disparando verbas que che arrinquen sorrisos e bagoas nun apartamento de ningures,mentras ti invirtes o teu tempo,intelixencia e a túa fermosura enerxética entre a Medicina e este servidor (sempre desnortado) con querencia polas utopías e o Licor Café dos excesos.
E todo escomenzou de primavera cun artigo na Voz grazas a unha amiga (editora virtual),cun Post primeirizo dous anos despois (a pesar das miñas alerxias por todo o almibarado) que aloumiñaba un audio perdido* no ciber-espazo e con papeis convertidos en reservas do pasado revisados pola discreta fiscalización do Morris (sen el saber pra quen).
Hoxe toca pois deja vu de letras como carta de benvida a esta primavera hipotérmica que promete emocións fortes mentras ti emprestas sorrisos e ansiedades nunha viaxe polo sur na busca de Boabdil.
Que vos renten estes días con polen a todos e a todas

Artigo Voz
Música de Piazzolla (audio primixenio-2006,recuperado)

MEDO

Ti durmias no sofá refuxiada tras unha manta vermella a cadros que tiña vocación de Iberia,desconectada do mundo,da ditadura do cotiá, que pasa por riba de nos sen preguntarnos nada...
Eu entregábame ao ron noctámbulo mirando a tv cunha dualidade existencial que me permitia facer varias cousas ao mesmo tempo,perdéndome polos caminos de swann en cada bloque publicitario.
De súpeto, escomenzou a película na dúas e o aire daquel salón fíxose irrespirable.As conversas,covardias e miserias desta sociedade nunha pantalla non plasmática sacudíronte da fase REM e instalaron un silencio denso entre os dous.
Cando rematou o film,abandeiramos os nosos bicos nunha smoking room e por uns intres,tivemos medo.

Saturday, March 17, 2007

DÍAS (incertos)

Torreira

Invocaches o ameazante futuro digno do mellor guión de Ed e naquel leito dun sábado apadriñado polo sol,instalouse o silencio,que tratamos con bicos ,apertas e música.
Acompañeite logo a mercar unhas gafas de sol a xogo co teu pelo pra que ninguén na vila soubese que levas no mirar ...o medo duns meses incertos.
-Todo vai sair ben
-Seguro?
-Si

Thursday, March 15, 2007

SIMULACRO (e outras témporas)

Anda a cidade feromonada e lixeira de roupa neste trailer primaveral que ameza con deixarnos espidos berreando cun ton lisérxico vellas cancións de amor.O troco climático pinta Compostela con Síndrome de Estocolmo e un ritmo pop que renega dos grises e os garitos onde opositan os vampiros.
Camiño as rúas refuxiado nunhas lentes escuras baixo influencias anticiclónicas que fan discreto o meu fitar perante ese conglomerado de curvas e rectas de cores.
Mañán toca Josele no Capitol ,garabato musical que pinta de boa música este nudismo cosmopolita condicionado polas témporas e o termómetro

Monday, March 12, 2007

ALPRAZOLAM (e circo)*

Teño os dedos ensanguentados de buscar verbas debaixo das pedras e os miolos edulcorados polo exceso de sucre que levaba ese Licor Café camuflado no frio do vaso.
As señoras camiñan pola vella cun sorriso alprazolam-dependente mentras os cabaleiros explicitan as súas derrotas enólicas mostrando moi dignos os seus catálogos de “chapetas malares”.
Compostela é un carro diesel sen cambios no decorado no cal o catedrático formado no Mont Sinai danza cunha cunca de ribeiro ate esquencer os fundamentos da histoloxia e o candidato pre-municipal busca debaixo das pedras un sorriso da nova tempada de primavera do Corte Inglés.
Miro e non atopo o punto de inflexión prometido mentras o tempo escorrégase entre os meus dedos como a túa roupa interior as noites de presa e choiva.
Os refuxios das rúas están pechados por reformas e o guionista do ritmo sinusal desta cidade de pedra vive de dereitos de autor, asulagado no leite na compaña dun bizcoito da tia Mildred.
Hoxe non sei nin o que non quero.

*Claramente inspirado no título da canción de Andrelo que varia o principio activo
*2 Texto de Franético con musica de Mr Iván ferreiro (prometo pagar dereitos de autor a ambos)

Sunday, March 11, 2007

ESPIDO


Séntome diante dun papel en branco porque sei que iso a ela arrincaralle un sorriso nun luns gris ou a fará sentir como na casa,agora que a choiva (iso di o do tempo) promete non tecer o inicio da mesma semana de sempre repetida e o sol anuncia unha falsa primavera con vocación de coitus interruptus pra as parellas que se comen a boca no Campus Sur.
Séntome coa madrugada diante do papel mentras os meus miolos repiten a frase do film que rematei de visionar fai uns intres (“non quero morrer espido” ) e a noite claudica no barrio os ánimos de todos aqueles que durante dous días vomitaron pesarios pra ganar en tempo libre.
Unha revolución do común deberíase iniciar ao rematar o domingo, coa complicidade dunha memoria a corto prazo narcotizada pola mala vida e a falta de obrigas.
Dentro dunhas horas...xa será tarde

Friday, March 9, 2007

XOGUETES


O ron que teño entre as miñas mans derrétese co xeo dun venres tarde sen obrigas mentras agardo polo son dos teus tacóns que anuncian bicos e suores nunha liberdade condicional apalabrada co silencio e os paréntesis.
Din que hoxe toca falar de Carlos e eu tan só penso nos teus xoguetes pra un tempo prohibido,prometidos este mencer cando o espertador dictounos o dia que viña no guion sen caricias e con exceso de obrigas e presas.
Levo uns dias instalado no caos da existencia,querendo ser todos en espazo e tempo sen decatarme que esa levidade persoal invirte na derrota do meu presente ao teu carón.
Hoxe toca pois falar menos e sorrir mais mentras elaboro o catálogo da túa roupa interior co fitar dun curioso vocacional que non ten presa por chegar.

Tuesday, March 6, 2007

MORRIS

É un tímido patoloxico que non precisa deixar rastros por onde pasa.
Ensinoume (díxenllo unha vez) a administrar os silencios con elegancia.
Se estas lerias son a miña herencia literaria,el non pode faltar no catálogo de querencias.Neste mundo de pontificadores do cotiá el é un rara avis con pedigrí.
O Morris é un mestre que non exerce e do que eu son alumno perpetuo, un mandelán del can na Cova da Ribeira Sacra, un Compostelán de Rendal, unha fuxida pendente a Amsterdam,un refuxio entre verbas e cafés nos días nos que falta o aire,alguén que é sen pretender selo
Duro de oido porque non lle gusta o que escoita, leva media vida sumerxido entre libros coa curiosidade dun adolescente.Contador de historias non pagadas, o Fando tivo a ben ensinarme cousas que aínda non esquecín, emprestarme outras lentes pra mirar o mundo, compartir os seus amigos con este servidor, aloumiñar os meus pasos cun sorriso incondicional.Catalizador de irmáns a longo prazo como o Franético e Llamaradas ainda gardo no maxín as madrugadas iniciaticas pola vella de Compostela cando éramos por aquel entón un proxecto dos restos que somos.
Beiras, Isaac, Neira Vilas, Manuel Maria, Vizoso, O Raro, Davide, Novoneyra, Emilio, Mariño, O Xosé e a Dores…forman parte do imaxinario colectivo que dende o meu fitar levan o seu nome por sempre.
Sirvan estas verbas como axuste de contas co presente,testamento do vivido ao seu carón (e o que queda).

Sunday, March 4, 2007

CÍRCULO VICIOSO


Traballaba e escribia,traballaba e voltaba a escribir.De súpeto comprobou que este círculo vicioso non podia continuar sen outros aditivos que retroalimentaran esa enfermidade.Decidiu entón buscar un bico que levarse a boca,levantoulle as faldas a noite,mirou o debuxo do viño no fondo da cunca como facia Novoneyra e comprobou, que tan só podia traballar e escribir.

Friday, March 2, 2007

ELAS II


Maria traballa na gasolineira de Montouto onde o vento e a friaxe mistúranse co mais profundo do seu ser nos dias de invernia.Viste un pucho de la que lle da un aire de miliciana de Al-Fathat e un abrigo que envolve o seu corpo miudo entre botóns.Ten as mans frias cando colle as chaves do carro e o sorriso grande e cheo de calor cando che pregunta canto vai precisar de gas oil ese carro vello e bronquítico.
Carme cantarexa unha nordestina mentras recolle os restos alimeticios de ducias de traballadores distímicos e alineados.Traballa cunha gramola por sorriso e o cansancio na súa cara mentras o seu fillo Hugo de dous anos gasta as horas nunha garderia da cidade agardando pola sua nai que lle asubia historias doutros paises pra durmirse cando remata a batalla do cotiá.
Lúa atura con elegancia as 15 horas de grabación do Luar no plato 1000 a poucos metros do Gaioso.Parapetada nun traxe oscuro de relacións públicas manten o tipo e o sorriso diante do señor Ramón de 80 anos que como cada venres gasta parte da súa pensión nun taxi de confianza que lle leve a falar con aquela muller que nada ten que envexar da Lauren Bacall que todo hai que dicilo,era moita Lauren.

Thursday, March 1, 2007

"CÓMPUTO DE PANTASMAS"

Eleazar
A choiva esvara lembranzas de orballo sobre os meus miolos requencidos pola invernia.A pulsión da escrita actua como catalizador.Eu exerzo tan só de campo de probas.Poño música,pecho os ollos e disparo verbas.
As arbores practican a capoeira incentivadas polo vento insubmiso a deixar a choiva en soidade.Miña ben inverte os seus folgos de muller invencible ao desánimo na batalla perdida de salvar vidas no cadaleito branco mentras eu fiscalizo as ovellas do pasado pra conquerir durmir un anaco antes de voltar a traballar de noite.
“Computo de pantasmas”*como somnifero,recunchos de anos atrás transportados polo mal tempo e as horas mortas a un apartamento de ningures.
*título da bitacora de referencia da compañeira Ra que roubo ou tomo emprestado pra recontar pasados en dias de choiva