Saturday, December 30, 2006

DESEXO (2007)

Foto de Filipa a P.Torreira

Que os papeis en branco veñan con verbas na solapa .
Atopar refuxios de bicos os dias de invernia.
Apostar sempre a cabalo perdedor.
Que as bodegas sexan mancomunadas polos fígados grasos civilizados.
Poder decir que aprendín algo mais dos meus amigos (Franético,Llamaradas,Ed,Quicoliñas,Morris,Mike Lalín,Anxo…)
Emprestar apertas sen acuse de recibo.
Continuar con vocación de comando itinerante das túas cadeiras.
Que nos vos rouben o sorriso aqueles que trafican coa tristura.
Convertir este recuncho nunha barra dun bar onde vos sintades incómodamente cómodos.
Aturuxar as penas ao compás da música que sempre está ao meu carón.
Ganar a batalla agora que a guerra está perdida*.
Renovar por un ano no Desnortados F.C.
Atopar un metro de garantias para buscarlle a medida a noite.
Coñecer outros lugares onde deixar un anaco de min.
Tomar un ron na cafeteria do Hotel Niza aos pes da Concha.
Disparar aos corazóns da xente con balas de fogueo.
Tunear o amor que me emprestas cada dia sen gripar o motor.

*Frase da película "Un lugar en el mundo"





Friday, December 29, 2006

FUROLO

Hoxe invertirei na compaña dos amigos e da Filipa pra ir ver aos meus xogar un partido de futbol contra a equipa de Ecuador.
Marcho,arroupado cun bebedizo-trampa (licor café camuflado en bota de viño) e unha ristra de bocatas de chourizos de Lalín que darian positivo en calquer control anti-doping.
Agardo poder dar co campo antes de rematar coas reservas pangalaicas e na compaña de Franético mirar ao de Arteixo impartir sabiduría como nos vellos tempos, agochado na banda de Riazor.
Hoxe valen os furolos,os punteirazos,os pinchacarneiros e o penalti gol é gol neste partido dos fillos da tralla brava!
Pd:Este post foi parido onte mais as novas versións (migracións incluidas) impedíronme colgalo.Sirva de documento diferido .Por certo esto de que migren o teu curruncho con esa alevosia produce un pouco de vertixe.


Sunday, December 24, 2006

REGRESO

Nordestinas empréstanme un mar este 24 para escomenzar o día con salitre nos beizos mentras Filipa enche de presentes tuneados de Nadal o leito co seu corpo de likor café e promesas insubmisas a friaxe da xiada que cubre de branco os carros da rúa.
Os xornáis e a roupa espallada polo chan do apartamento compiten con vocación de alfombra policromática e libertaria mentras miro de reollo desconfiado a un Papá Noel que leva varios días co traballo a medio facer pendurado da fiestra do veciño ,sen que o acuda (merecidamente) ninguén.
Esperto,con vocación de supervivente e o premio gordo en especies afectivas despois de ter camiñado xunto a Lou Reed pola pedra da vella estes meses.
A enchenta destas horas non me convirte nun estómago desagradecido con todos/as que durante este tempo aloumiñaron as miñas ausencias con verbas,apertas,bicos,viño e letras.
Que non falte o Alprazolam en ningún fogar de Galiza esta noite!
Nordestinas é o disco deste Nadal co jazman Abe Rábade e as cantantes Ugia Pedreira e Guadi Galego (que me perdoen a licencia do audio)

Wednesday, December 20, 2006

POETA (VELLO)


Pecho os ollos mentras Chet Baker loita dun xeito pacífico por buscar un lugar no denso espazo aereo do salón…”You go to my head” neste nadal,negra sombra.
Sempre tiven a curiosidade de descifrar para que serven os derradeiros días do ano.Leo e releo resumos,escoito os telexornais e chego á conclusión de que estas datas tan só as empregamos para facer reconto do que foi e para administrar con espíritu de supervivencia o que virá (se toca). Nunca un presente estivo tan baleiro como este onde o único importante e que as horas pasen asubiando un blues recopilatorio do pasado sen que iste convirta o noso corazón nun pexego esfameado e asténico.
Dende que te fuches ando cos pes frios e a túa pronta chegada cataliza ansiedades que atopan acougo ao carón dunha barra da vella.Encamiño os meus pasos aló,fago un encargo de licores,escoito o ruxe-ruxe da xente,invirto en fígados grasos e chisqueiros sen pedra...
O fondo non gubernamental dos bebedores solitarios fai unha aportación a un camiño de regreso a casa sen dignidade.Antes da derrota , un cabaleiro da esquina afima con vocación de The end noctámbula a frase que finiquita excesos; “Todos os bicos a corto ou longo prazo presentan efectos secundarios.Ainda así,non debemos fuxir deles porque iso seria como renunciar a propia vida”.
-.Non será médico?,pregúntolle ao camareiro.
-.Non señor,é un poeta vello.
Adicado a todos os que pasan estas festas ao carón dunha barra nun bar

Sunday, December 17, 2006

CANSO


Ando cunha lixa por gorxa aturuxando vellas cancións de amor cada vez que o fume negro do tabaco xoga a ser o mel caseiro co que a avoa Pura trataba os meus males na infancia.As noites e os excesos sempre tiveron vocación inmunosupresora con este servidor que oposita a funcionario de barra.
Teño unha débeda literaria co teu corpo e un traxe de malpagador que para el quixera o cobrador do Frac mais as verbas con exceso de bicos e refuxios sempre resultaron malas para o colesterol.
Asisto á derrota biolóxica deste Domingo cunha pose interesada de farinxitico coa que escomenzo a conta atrás para o definitivo regreso de Filipa (que xa parece Andrelo).
Dende a estación de servizo do meu leito dimito por unhas horas de min buscando un humidificante para o mal de aire deste Nadal con exceso de luces e bonecos cagóns...queda moi pouco de min.

Friday, December 15, 2006

CEA


A noite esvara as construccións literarias pola porta do backstage onde durme o catedrático da vida que non acredita na literatura baixo influencias.
Tantas horas de perruqueria para rematar pendurada dun pucho de Papa Noel non semella un bo axuste de contas coa reciprocidade afectiva que ela buscaba.
A moral do cotiá remata na medida da súa copa de licor café que emborralla esas medias paralelas que mercou nunha lencería que pechaba por derrubo.
Quixen cantar algo no karaoke da noite mais non lles quedaba ningún tema de Perales.
Agardei por ela con vocación recaudatoria e os pesarios das pálpebras solicitaron amnistia.
Esto pensaba ser unha radiografia dunha cea de nadal e ainda non sei como escomenzar o relato ás 6 da mañán con este fato de frases tatexas...o mellor e que invoque a morfeo e me deixe de lerias.

Wednesday, December 13, 2006

A.VEGA

Quedei instalado na tua loita de xigantes,atrapado nas tuas verbas que mostraban outros mundos que co paso dos anos e a vida entendín.Por iso eres monarca na república do meu santuario particular nun lugar onde a sombra gana á luz,como a ti che gusta.Por iso acudirei hoxe a Sala Capitol, na compaña do meu irmán de sangue Anxo e Mr Contreras,á peregrinación anual que me leva a túa música que é quen sustenta de ti.
Non sei porque misterios da vida sigues con nos,fai tempo que abandonei o debate da túa autodestrucción tan elegantemente levada,fai tempo que non te miro con esas lentes,tan só te escoito.
Escomenza o pre-nadal coas luces de neon penduradas do meu sombreiro.Agardo pola volta de Filipa como pronto e pago de Noel misturando literatura,ron,tabaco e mala hostia (que non deixa de ser o lugar do meu recreo).

Sunday, December 10, 2006

CAFÉ CON PAPAS


Escribireite unhas letras dende o medio da aldea cun caxato tinguido polo ron adulterado do Sábado noite,que anuncia a túa marcha cunha dor de cachola insubmisa a farmacos.Escribireite nunha fuxida ao pasado,20 anos van,mentras agardo polo pote e o chito na súa cociña de ferro,tomando o café con papas que a señora Charo prepara con amor ,para espilir os nosos corpos pegañentos camiño do partido dos domingos.
Sempre gostei de agocharme das presas da cidade no medio da aldea,xestionando visados de admisión, para medir o tempo coas colleitas,os trompos ,as bicis e as canicas.
Quixen facer algo co son que deixaches no apartamento ao pechar a porta e rematei por encargar un billete de volta á infancia,alá onde as miñas pegadas arrecenden a berro de liberdade.
Foto (esquecíame) P.Torreira

Friday, December 8, 2006

GUERRA

P.Torreira

Aterriza Filipa no aeroporto cunha bombona de osixeno para a miña sombra que anda exiliada no país da pouca luz e os excesos.Chega,no lombo desta ponte que resulta mais consistente que a vía rápida do Barbanza,portando unha maleta policromática que reina aos pes da cama como se nunca tivese abdicado da mesma.
Nesta cidade asulagada pola invernía,a súa visita e un paréntese temporal onde os cines non son tan tristes nin a cidade vella unha peregrinaxe desorientada para noctámbulos irredentos.
Escoito un berro de auxilio que chega transportado polo corredor do apartamento dende a trincheira do edredón.
Discúlpenme vostedes por este coitus interruptus literario mais teño unha guerra de bicos que ganar.



Wednesday, December 6, 2006

FUXIDA


As follas deste inverno-outono móstranse felechas nas beirarruas que marcan o camiño de fuxida da sala de concertos e espectáculos da NASA.A Carballeira de San Lourenzo é un bo punto de partida do eterno retorno as obrigas laborais que non entenden de pontes constitucionais con filosofia republicana,epicurea e narco-olímpica.
Deixo na nave a Ed na compaña de Marta Etura mentras Luis apunta condicións de barítono estroxénico enriba do escenario coa guitarra de Piti e un pano na cabeza por “montera”.
Os excesos pasan factura cun fato de fígados constipados despois da vista de Franético e as obrigas chaman a concilio con Morfeo.Toca agardar pola túa chegada encetando ausencias e ansiedades con elegancia.

Monday, December 4, 2006

GAMELA


Dame unha erotofonia a falta de pan para quencer este corpo canso i eu emprestareiche un fato de bicos a demanda que non entenden de mesas de negociación.
Dame un sorriso roubado,un anaco do teu tempo e unha aperta enchida de dúbidas para reservar butaca que mire ao mar das túas pernas.
Malgasto a noite con fórmulas matemáticas ,metáfora dunha gamela por cama con Síndrome de Estocolmo
-Na páxina de Franético temos (6-12-06 ás 6 da mañán) a colaboración de dous beodos producida por Javier Limón (Documento de audio histórico)