Tuesday, August 29, 2006

INSPIRACIÓN


Busquei as verbas debaixo das pedras para guindarllas nos ollos cando camiñaba e atopei area de rio.
Mentras eu emporco as mans,ela durme a 10 metros parapetada tras unha manta de Iberia,nun sillón pechado por reformas sen vistas ao mar...e todo parece sinxelo.
Boa noite a todos e todas,dixo aquel que tiña pouco que decir e moito que bicar.

Sunday, August 27, 2006

AUSENCIA


Hoxe erguinme sen o teu camiñar espido pola casa e van xa sete dias, mentras as resacas son cada vez maiores e a deplección neuronal ameaza coa bancarrota.Canso,despois de coller o teu carro onte e partir na compaña da nosa música ao encontro con Franético irmán,para bebernos a noite misturando sorrisos,literatura e vistas ao mar.
Agardo pola tua chegada depurando os meus excesos con vocación de bo comportamento mentras arrinco as follas do calendario que arrecenden aos teus bicos non dados, nunha pose non asumida de aquel que te bota de menos un mundo.

A miña ben ausente

Thursday, August 24, 2006

PROPOSTAS

Música e literatura levounas o dia,asi foi e ainda me lembro
AUDIOS ARRANXADOS XA (non era sen tempo)!!

Tuesday, August 22, 2006

AGOSTO


Atascos de neumáticos requencidos que miran ao mar,balbordo mediatico do pensamento sacro santo,enfermidades venereas do meu estado de ánimo,cadaleitos con Tac,buzóns asténicos,garitos bronceados,concentracións feromonais,pecados de saldo,ausencias por decreto,cines solitarios,asfaltos pegañentos,teletenda de bicos...
e a vida pasando

Sunday, August 20, 2006

NADA

P.Torreira
Pretendín resultar transgresor e rematei instalado nun minifundismo emocional que non me deixa ver o bandullo que se agocha nas miñas verbas.E por iso que hoxe non teño nada que decir nin nada que contar,ou faltan as gañas... que ven sendo o mesmo.
Invirto pois nun texto con vocación nihilista sen ter consumido a frasca de viño,condición indispensable para que un texto teña esa razón de ser.Invirto sen cartos, nos restos do naufraxio da musa das verbas,agora que Filipa está a piques de fuxir por uns días a terra de William Wallace sen este servidor pangalaico que acredita na súa sombra da terra da chispa.
Sempre apurei moito a contada de calquer historia.Hoxe como non teño nada que decir,non hai presa.

Pd: coido que cos audios voltamos a ter problemas para descargalos (nunca tivan moi bo oído musical)...

Tuesday, August 15, 2006

CHOVE!!!


Érgome do colchon cos ollos pegados polos bicos recibidos onte,que quenceron este ánimo.Invirto en café para arrincar unha maquinaria enferruxada mentras os informativos disparan novas made in suceso propias dun Agosto calquera.Son as 7 da mañán…penduro a cabeza pola fiestra da cociña e noto que CHOVE,
Felecho por esa nova,encho os pulmóns co orballo do novo dia e berro…Cabrones!!!!, ídelle prender lume aos vosos soños!!!

Sunday, August 13, 2006

TARDE


Hoxe atopei no rastrillo os discos que che regalei cando os bicos non habia que pagalos, as caricias que regala o vento de frente e os chicles de fresa ácida que compartiamos na mesma boca. Atopei gañas de ti ao por maior cando as gañas non son material inflamable en papel de fumar lembranzas. Tiña tempo e fun de compras nunha cidade que non sabe facer outra cousa , parapetado tras autómatas de ferro que empuxan carritos enchidos de paquetes ou con nenos.
Canso do Ensanche, mendiguei sorrisos nunha Quintana ateigada de turistas que pedían cita con Santiago mentras un barrendeiro pouco convencional regalaba un espectáculo De Gorra . Enchín o seu sombreiro de astenias post-vacacionais, crisis existenciais e facturas de gas canalizado por suministro atopándolle sentido a certos consellos que din que rir é o mellor fármaco actual que non cobre a Seguridade Social.
No fondo dun vaso nunha terraza da vella, agardei pola túa aperta mentras consumía crónicas delirantes de alcaldes da comarca doutorados na caspa dunha sociedade que fai negocio con ela.
Facía bo tempo nun agosto de outono dunha cidade-fusion que sempre carece das catro estacións , e asi foi pasando a tarde.

Friday, August 11, 2006

BLUE IN GREEN


Esgotadas as verbas pola tristura, nada queda .O cheirume non me deixa pensar,o ron sabe a cinza e os teus bicos non avalan o meu camiñar.
Hoxe erguinme coa nausea existencial e iso non axuda.Todo o que penso e digo parecéme ridículo mentras ando despersonalizado a 2 metros da miña sombra sen refuxio posible.
Hoxe intentei arrincarme un sorriso e saiume unha caries e xa non quedaba caña da Tia Maria,asi que optei por Miles e invertín na canción mais triste do mundo.
Blue In Green unha vez,duas,tres e fíxose de noite as 7 da tarde dun 11 de Agosto.

Tuesday, August 8, 2006

DOR


Tan so preciso dunha aperta tua meu ben.Aquela que roube a friaxe que envelena o sangue dos que todavia sentimos como propia a terra onde nascemos.
Dame unha aperta como antídoto ante esta miseria.Dame unha aperta para escanciar tanta tristura que asulaga o meu corpo.
Hoxe pouso o meu xeonllo na vergoña de todos aqueles que hipotecan o futuro dos meus fillos que non naceron.Ao teu caron coma sempre,que premes de min cando nada queda.Ao teu carón...que faria eu sen as tuas apertas.

Pd:Foto de Alvaro Ballesteros (Voz de Galiza)


http://in.solit.us/archives/dcode/9788917378

Sunday, August 6, 2006

RESACA


A noite deixa en nos unha resaca existencial,unha amnesia colectiva,un catálogo de substancias de dubidosa reputación.Ando hoxe co chivato da gasofa nun bermello pangalaico despois dos excesos cometidos ao amparo dun banquete regado con bo viño,un cura e un repertorio de música que non era precisamente a dos amigos do metal.


Atópome melancólico,asténico,ausente presente,canso,hipócrita,ácrata,salgado, edulcorado...con tres marcas na espalda dos que acreditaron nas tuas pernas cando a noite xa non era noite nin NOS

Thursday, August 3, 2006

VERBAS


Dicia un amigo que "todas as verbas berran cando caen" asi que eu non me atopo en disposición de psicoanalizalas.
As verbas que disparan os meus dedos non son miñas,nunca o foron.Son fillas das témporas,un lugar de encontro,unha terapia sen clinex,un berro contra a cotidianidade.
Que ninguén fiscalize este feito cun xesto de contrariedade...a elas,non lles gustaria.
As verbas que disparan os meus dedos non son miñas...ti xa o sabes.As veces,érgome do catre que bica o chan coa sensación de ter parido un fillo putativo horas antes,mentras durmias e non o recoñezo.
Non teño hoxe vocación de domador de letras.Seria un suicidio vital intentar tal cousa.
As verbas que disparan os meus dedos son para vos.Para aloumiñarte e para arrincarche unha bagoa,para facerche as beiras e para deixarte sen parella no medio do baile.
Queria contarche algo sobre as verbas que disparan os meus dedos pero elas,unha vez máis,non me deixaron.